barreiros

Foto de Susobande en pixabay

A alcaldesa sinala a falta de comunicación e coordinación nas actuacións.

Barreiros, 11 de xaneiro de 2024. O Concello de Barreiros vén de remitir un escrito á Xunta no que solicita información e coordinación para ser quen de “anticiparse ás situacións e ser capaces de dar respostas á altura do que a sociedade agarda das administracións e coñecer oficialmente e de primeira man que actuacións se desenvolven no Concello de Barreiros”

A alcaldesa, Ana Ermida, lamenta a falta de información e a deslealdade coa que se está actuando desde a Xunta, mesmo despois de terse posto en contacto con varios estamentos desde o Concello e non recibir información algunha, mesmo manifestándose por parte de membros da Xunta ao reclamarse información sobre as actuacións que se desenvolvan en Barreiros “que cada quen debe xogar o seu papel”, o que ao entender da alcaldesa amosa claramente “a descoordinación e falta de lealdade institucional”.

Con todo, Ermida insiste en demandar coordinación e pon a administración local a disposición para “realizar coordinadamente as actuacións que sexan precisas para lograr o obxectivo final: protexer o noso litoral e limpalo cando sexa preciso o antes posible cos medios que existan”

Reproducimos a literalidade do escrito enviado:

Desde o Concello de Barreiros poñémonos en contacto con vostedes para demandar información e formación para afrontar a situación provocada polo verquido de “pellets” plásticos que está afectando á costa galega.

Ata este momento, o Concello está a realizar labores de vixianza e non ten constancia da chegada masiva destes residuos á nosa costa; porén carecemos de información oficial algunha e non recibimos ningunha información ao respecto por parte de ningún estamento da Xunta de Galicia.

Non podemos obviar que a sociedade galega está amosando a súa preocupación pola situación e a autoorganizarse co fin de realizar limpezas nos areais. Ante esta situación, sabendo da importancia de realizar estas labores de xeito coordinado e con coñecemento necesario para minimizar posibles afectacións ao medio, consideramos necesario que as Administracións coordinen as actuacións que poidan xurdir.

Desde o Concello de Barreiros amosamos plena disposición a colaborar e coordinar, mais carecemos de persoal con formación para tal fin. Igualmente, temos coñecemento do plan CAMGAL (que non nos foi remitido en ningún momento) no que se contempla no primeiro parágrafo que “a formación será proporcionada polo Servizo de Voluntariado da Xunta de Galicia (teléfono 900 400 800)”

Ante tal situación, a Agrupación de persoas Voluntarias de Protección Civil de Barreiros dirixiuse no día de onte, por orde expresa da Alcaldía, a dito teléfono para solicitar dita formación. A chamada foi remitida a un correo electrónico no que se contestou que se se está interesada en realizar labor de voluntariado “recomendámosche que te poñas en contacto con algunha entidade de acción voluntaria que se esté levando ou vaia levar a cabo algunha actuación, posto que xa sabes que o voluntariado debe realizarse dentro dos parámetros establecidos na Lei 10/2011, de 28 de novembro, de acción voluntaria de Galicia.”

Vista a situación de falla de planificación e coordinación, vendo ademais as previsións emitidas a respecto da evolución da situación na fin de semana, e sabendo do interese social por organizar labores de limpeza, este Concello considera que debe suplir a inacción do Goberno da Xunta e dotar as persoas voluntarias de coñecemento e medios para garantir que as accións que se leven a cabo sexan o máis seguras posible para as persoas e o medio.

Neste sentido, reiteramos a solicitude de medios de formación tanto para as persoas voluntarias da agrupación de Protección Civil como para aquelas outras que queiran participar nestas actuacións de xeito altruísta.

En caso de non contar con esa formación, consideramos que os custos que poida causar esta actuación ao Concello de Barreiros, deben ser trasladados á Administración da Xunta no marco do sinalado polo conselleiro do mar na misiva enviada a algúns Concellos en días pasados.

Agardando a súa pronta resposta, quedamos á súa disposición.”

Compartir