A artista, gañadora do Premio Martín Códax 2024 na categoría Músicas do Mundo e Mestizaxe, amplía o seu universo sonoro cun canto de liberación.
O novo sinxelo, no que mestura tradición, ritmos ancestrais e electrónica, estará dispoñible nas principais plataformas dixitais desde as 00.00 horas deste 24 de outubro.
Lugo, 23 de outubro de 2024.- Catuxa Salom amplía o seu universo sonoro e lanza Ela cando baila, o cuarto avance do seu álbum debut, Cāldo, que verá a luz nas vindeiras semanas. Logo de dar a coñecer os sinxelos Amores rusos, Augas venir e Xa non ves, a artista galega de raíces arxentinas volve sorprender coa publicación dunha nova peza de corte electrónico, que se entrelaza co folk e rimos ancestrais, e no que, ao ritmo dunha frenética muiñera, asina un retrouso liberador no que asevera, categoricamente, que Ela cando baila, non pode parar de gossar. A peza estará dispoñible nas principais plataformas dixitais desde as 00.00 horas deste xoves 24 de outubro.
Ela cando baila é canto de liberación que se acompaña de sintetizadores, pandeiretas e bombos eletrónicos. A través do baile que exerce de elemento catalizador, e da man das súas amizades, a protagonista do tema recolle a súa dor e tristeza para transformalas nun torreiro de forza e festividade. Unha idea, a da conexión coa comunidade como espazo de encontro e coidado, que Catuxa Salom desenvolverá no seu novo traballo discográfico e que se poderá escoitar antes de que remate o ano.