
- O público pode escoitar nas plataformas dixitais as once cancións ou estados do corpo que integran o disco, un traballo atravesado pola sexualidade, o amor propio, a comunidade e o valor da mocidade
- Hoxe publícase tamén o videoclip de ventilar o cuarto, o sinxelo gravado con Antía Ameixeiras
- A Sala Capitol acolle esta fin de semana os concertos de presentación de DE RONDA e a estrea do novo espectáculo co que Mondra xirará neste 2025
- As últimas entradas dispoñibles para o directo do venres 9 están á venda en www.salacapitol.com

DE RONDA
DE RONDA é un álbum no que Mondra presenta un novo son, máis orgánico e fresco, da man de Hevi, responsable da produción (Laboratorio Soyuz). Neste disco, o artista aborda «a sedución, seducir ou ser seducido» a través de once cancións ou «estados do corpo» que se poden dar nunha noite de ronda. Desde o desexo ou o impulso sexual até a aceptación ou mesmo da ruptura. Deste xeito, Mondra presenta unha escolma moi persoal de pezas que soan contemporáneas, mais que son traídas e interpretadas a través de elementos que tamén son doutro tempo. Ás xa coñecidas vale máis un canciño, teño caldo quente, por te ver ou férveme o cú, agora súmanse novos temas que completan o relato musical.
Así, DE RONDA arranca con ata que enrouqueza, que aborda as noites sen medida; para continuar con por te ver -sinxelo publicado o 10 de abril- e achar con quen casar, que se mofa do casamento e aborda os xuízos sociais. O impulso sexual faise explícito con férveme o cu, para dar paso á aceptación e ao amor propio con se queres; que serve de preámbulo a púxenme guapo, que transita amablemente por todas as sensacións que se viven nunha noite ata o regreso a casa.
O sétimo estado do corpo é a evocadora e retranqueira teño caldo quente, o segundo avance do disco; mentres que viva viva pon en valor o carácter comunitario da propia ronda. Neste punto chega vale máis un canciño, a reflexión anticapitalista coa que Mondra anunciou a saída do álbum; e como se colea, que aborda a loita entre o desexo e a toxicidade, coma se fose «un peixe que atrae é, a vez, atrapa». Finalmente, DE RONDA despídese co tema ventilar o cuarto, que conta coa colaboración de Antía Ameixeiras, e que fala da ruptura e de deixar ir. O traballo complétase con once pezas audiovisuais -que corresponden a cada un dos temas do disco-, producidas polo propio artista e polo estudio elmembrillo baixo a dirección creativa de Zeltia Iglesias, e que tamén se poden ver desde hoxe na canle de VEVO de Mondra.
Mondra recunca na Capitol
Logo deste lanzamento, Mondra concentrará todas as súas enerxías na dobre presentación pública de DE RONDA desta fin de semana na Sala Capitol nun espectáculo ao vivo, baixo a dirección artística de Daniel Rodríguez. Aínda que inicialmente estaba previsto un único concerto para o sábado 10, tras esgotar todas as entradas nun tempo récord, o cantareiro anunciou nas redes sociais unha segunda data no mesmo recinto: a noite anterior.
Artista, cantareiro e bailador, Mondra é un dos nomes máis sobranceiros da escena musical do país. Co seu álbum debut, titulado ARDĒN (Altafonte, 2023), acada o recoñecemento unánime de público e crítica; mais tamén galardóns, como o Premio Martín Códax ao Mellor Álbum de Electrónica 2024, ou o Premio Mestre Mateo ao Mellor Videoclip 2025 por MARIMONDRA. Este mes de maio Mondra lanza o seu segundo traballo discográfico, DE RONDA.
Tracklist DE RONDA (enlace a cada un dos 11 videoclips).
1. ata que enrouqueza
2. por te ver
3. achar con quen casar (con Lina e Lola)
4. férveme o cu
5. se queres
6. púxenme guapo
7. teño caldo quente
8. viva viva (con Pandeireteiras Bouba)
9. vale máis un canciño
10. como se colea
11. ventilar o cuarto (con Antía Ameixeiras)
