
As citas terán lugar no MARCO e na Fundación Luis Seoane da man da Fnac; e o acceso aos directos será a través dun convite que se poderá retirar proximamente nas tendas da cadena nas dúas cidades
As compradoras que adquiriron o disco-fanzine na páxina web de Altafonte durante o período de prevenda recibirán un correo con información para poder acceder a estes eventos
Hibernarse é un proxecto multiformato que reflexiona sobre a construción social do tempo: o seu núcleo é un EP con catro temas que se acompaña dun videofilme, dun fanzine, dunha colección de xoias da man de Toda Frágil e doutras propostas que o dúo desvelará nos ‘showcases’
Vigo, 2 de xuño de 2025.- Fillas de Cassandra dará a coñecer o seu novo EP, Hibernarse, en dúas presentacións exclusivas que terán lugar en Galicia contra final deste mes de xuño, concretamente o venres 27 e o sábado 28. Estes ‘showcases’, organizandos dentro da iniciativa Noite no museo con Fnac, celebraranse en dous recintos museísticos dedicados á arte contemporánea, como son o MARCO de Vigo e a Fundación Luis Seoane da Coruña.
Para poder acceder a estas presentacións, nas que as artistas actuarán e darán a coñecer polo miúdo, e desde a proximidade, o proceso de creación do seu último traballo, o público poderá conseguir os seus convites nas tendas que a Fnac ten en Vigo e na Coruña. Nas vindeiras semanas, tanto a través da cadena como dos perfís das artistas nas redes sociais, daranse a coñecer os detalles do proceso.
Ademais, todas aquelas persoas que adquirisen o pack conformado polo vinilo e o fanzine de Hibernarse na prevenda a través da páxina web de Altafonte, tamén terán opción de acceder a estas dúas presentacións exclusivas. A discográfica porase proximamente en contacto coas compradoras a través do correo electrónico.
A primeira das dúas presentacións terá lugar, como non podería ser doutro xeito, na cidade natal de Fillas de Cassandra. O MARCO Museo de Arte Contemporánea de Vigo celebrará o 27 de xuño, a partir das 21.00 horas, unha Noite no Museo, na que María SOA e Sara Faro interpretarán os catro temas do novo EP –feito a man, arderse, quebrantarse e hibernarse-, ademais de conversar co público sobre o proceso creativo do disco, as temáticas e todo o universo do que se compón Hibernarse: alén do EP e do fanzine, do seu videofilme, da colección de xoias elaborada por Toda Frágil, e unha nova sorpresa que se dará a coñecer esa mesma noite.
Ao día seguinte, Fillas de Cassandra viaxará á cidade da Coruña para presentar o seu último álbum na Fundación Luis Seoane. Así, o sábado 28 de xuño, desde as 20.00 horas, nesta Noite na Fundación as e os asistentes poderanse achegar e coñecer, de perto, a nova obra de Sara Faro e María SOA.
Hibernarse
Noite no Museo con Fnac
Noite no museo con Fnac é unha iniciativa que Fnac vén facendo nos últimos dez anos en cidades de toda España. Estes eventos especiais procuran achegar a experiencia das e dos artistas máis importantes do momento aos seus fans nun ambiente íntimo e en espazos culturais senlleiros que son recoñecidos polo seu labor museístico e cultural, como son o MARCO Museo de Arte Contemporánea de Vigo e a Fundación Luis Seoane da Coruña.
