
Fillas de Cassandra publica Hibernarse, un chamado á pausa fronte ao desenfreo do capital, e no que o dúo reclama espazo para levar o seu propio compás e compoñer desde a súa verdade
O primeiro avance do seu EP multiformato evidencia tamén a evolución da identidade das artistas, tanto a nivel sonoro como discursivo
María SOA e Sara Faro reclaman neste tema tempo para a «confección dun novo traxe», que exemplifican a través de novos rexistros para as súas voces ou na experimentación coas texturas

Saúdo Fillas de Cassandra sobre Hibernarse
Vigo, 20 de marzo de 2025.- «Xa mo dicía mamá. Ti chega tarde que é mellor que non chegar». Con esta clarificadora e reivindicativa sentenza comeza Hibernarse, o sinxelo que Fillas de Cassandra publica hoxe mesmo en todas as plataformas dixitais e que, á vez, titula o novo proxecto multiformato do dúo conformado por María SOA e Sara Faro e cuxa parte musical producen, nesta ocasión, Greta Ch’aska e Mumbai Moon.
Hibernarse, o primeiro «fascículo» do universo homónimo, é un chamado á pausa fronte á velocidade imposta polo «frenesí da industria e do fast-todo do capital», o que vén sendo a esixencia de facer, con urxencia, todo dun xeito rápido. «Rápido e mal feito, dúas veces mal», canta Fillas de Cassandra nesta peza, a primeira das catro que as artistas darán a coñecer desde hoxe e, semanalmente, até o 10 de abril.
Fronte ao ritmo desenfreado e á velocidade dos acontecementos vividos ao longo destes dous últimos anos (cando publicaron Acrópole), Sara Faro e María SOA avogan porque cadaquén poida tomar o tempo necesario para levar o seu propio compás e construír algo auténtico e duradeiro desde a súa verdade, como queren facer elas mesmas. É, ao cabo, o punto de partida do sinxelo: ás veces chegar tarde é mellor que non chegar.
Na construción desta reivindicación do dereito á espera, de que unha sexa tardeira para atopar o seu propio ritmo, Fillas de Cassandra emprega versos que evocan a sabedoría popular (ese «ti chega tarde que é mellor que non chegar») ou a incerteza da elección («como elixir entre a savia e o veleno se ainda non coñecemos a forma de todas as voces que teremos?»), coa intención de poñer sobre a mesa que os procesos de exploración son lentos e complexos e que supoñen que, para avanzar un paso, ás veces cómpre desandar outros catro.
É así como elas tamén cantan no retrouso ao «billete dourado», unha figura que pode suxerir o porvir soñado, unha promesa de futuro que aínda está por chegar; mais que xa está presente no pensamento e na vontade das artistas. Así, neste Hibernarse, Fillas de Cassandra evidencia a evolución da súa identidade, unha transformación que manifesta no desexo «de mudar a voz e a pelaxe» coa finalidade de «achar as medidas para un novo traxe», unha metáfora do proceso de busca de novas formas sonoras, musicais e discursivas sobre as que María SOA e Sara Faro xa están a traballar.
Neste Hibernarse, o público poderá escoitar novos rexistros das súas voces (evidenciado no retrouso do tema) e os xogos que estabelecen con sonoridades e texturas; mais todo sen abandonar as súas sobranceiras harmonías vocais, os instrumentos orgánicos e a electrónica intensa que caracteriza ao dúo.
Hibernarse, o universo multiformato de Fillas de Cassandra
Hibernarse é o novo proxecto híbrido, multiformato e singular no que Fillas de Cassandra reflexiona sobre o concepto do tempo a través de diferentes prismas e disciplinas artísticas. O núcleo desta proposta componse dun EP de catro temas que o dúo dará a coñecer, desde hoxe e, cada sete días, ata o xoves 10 de abril. Nese momento, o público poderá descubrir todo o que se agocha baixo o paraugas deste novo traballo, que se publicará da man de Tremendo Audiovisual e Altafonte, e que se poderá reservar, proximamente, a través da páxina web www.altafonte.com.