
O programa de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro en Galicia contará na súa 9ª edición con Antón Yanguas, Euyín Eugene, Isabel do Diego, Natalia Fernandes & Marta Azparren, Suevia Rojo, Rocío Bello & Javier Hernando, Bal Castro e Isolda Comesaña como ‘Artistas Paraíso 2025’
As residencias artísticas desenvolveranse entre abril e novembro de 2025 no Vello Cárcere de Lugo, o Pazo da Cultura de Carballo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego en Compostela, a Igrexa da Madalena de Ribadavia, a Casa da Cultura de Vimianzo, a Casa da Cultura de Corcubión e Pazo da Cultura de Narón
Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela
O proxecto, impulsado por RPM, conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, MIT (Concello de Ribadavia) e Fundación Cidade da Cultura de Galicia
Galicia, 1 de abril de 2025.- As Residencias Paraíso –un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio– contan xa coas e cos artistas seleccionadas e seleccionados para a súa 9ª edición, que se desenvolverá ao longo deste 2025 en 8 espazos de toda Galicia. Entre os 179 proxectos recibidos na actual convocatoria, o Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia– ven de seleccionar a Antón Yanguas, Euyín Eugene, Isabel do Diego, Natalia Fernandes & Marta Azparren, Suevia Rojo, Rocío Bello & Javier Hernando, Bal Castro e Isolda Comesaña como ‘Artistas Paraíso 2025’.
O proxecto, impulsado por RPM, conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, MIT (Concello de Ribadavia) e Fundación Cidade da Cultura de Galicia. En palabras do Colectivo RPM: «O proceso de ler e debullar cada un dos proxectos presentados é, sen dúbida, dos momentos máis estimulantes do ano. Nos 179 proxectos recibidos, atopamos un saber facer e unha mirada certa que nos interpela cara cuestións fundamentais da nosa contemporaneidade».
A comisión encargada da selección de proxectos destas Residencias Paraíso 2025 estivo formada por un total de cinco profesionais do sector: Joaquín Collado (artista e responsable del Festival Paisaje en Villamalea), Marcia Vázquez (artista galega, artista Paraíso 2022 e responsable de Escora Danza na Costa da Morte), Sabela Ramos (xestora cultural independente galega), Félix Fernández (artista e co-coordinador de Residencias Paraíso) e Caterina Varela (artista e directora de Residencias Paraíso).
O programa Residencias Paraíso 2025 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas, preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Valorarase a integridade artística da proposta e o grao de madurez e solidez do proxecto, ademais da relación entre o proxecto e o territorio. Conta cun importe total de 20.000€ para acoller estas 8 propostas en residencia –cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ cada unha– e favorecer, así, as distintas fases dun proxecto artístico, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.
As residencias artísticas desenvolveranse entre abril e novembro de 2025 no Vello Cárcere de Lugo, o Pazo da Cultura de Carballo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego en Compostela, a Igrexa da Madalena de Ribadavia, a Casa da Cultura de Vimianzo, a Casa da Cultura de Corcubión e Pazo da Cultura de Narón. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro de 2025 na Illa de San Simón, en Redondela.
Residencias Paraíso atende a necesidade da comunidade artística de contar con espazo e tempo dedicados á investigación e creación co obxectivo normalizar o concepto de residencia artística no noso territorio ao tempo que suliña a importancia da investigación arredor da práctica artística. A maior particularidade do programa de Residencias Paraíso é que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, dende teatros ou centros culturais até espazos non convencionais. As tipoloxías dos distintos espazos favorecen a acollida das diversas fases dun proxecto artístico, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, incluso, as residencias de carácter técnico. Este exercicio de diálogo entre todas as partes (impulsores, coprodutores e espazos cómplices) é o que dota dunha identidade singular a este programa.
SOBRE OS PROXECTOS SELECCIONADOS NAS RESIDENCIAS PARAÍSO 2025
RPM abrirá o programa na Casa da Cultura de Vimianzo coa residencia do creador galego Antón Yanguas, que estará traballando no proxecto de investigación titulado Open Call. Neste proxecto, Antón aborda o mundo das convocatorias artísticas e a exposición continua da figura do bailarín.
A continuación, chegaralle a súa quenda á primeira das dúas residencias combinadas entre a Cidade da Cultura e o Salón Teatro / CDG en Santiago de Compostela, que acollerá o proxecto Tuerce, do creador transmasculino residente en Madrid Euyín Eugene. No centro desta investigación están a disforia de xénero e a necesidade de diálogo a través das prácticas artísticas de creadores trans e persoas non binarias.
Pola súa banda, a artista andaluza Isabel do Diego será a segunda creadora residente entre a Cidade da Cultura e o Salón Teatro / CDG co seu proxecto Brutalismo: un concerto-escénico no que a artista reflexiona sobre o folclore do século XXI, a electrónica, a sonoridade, a musicalidade e o corpo que sae a escena.
No marco da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT), desenvolverase unha residencia na Igrexa da Madalena coas artistas estatais Natalia Fernandes & Marta Azparren, para o seu proxecto Cerrados y dormidos los ojos bailan. Trátase dunha conferencia performativa que fai dialogar a ‘Anatomía Inventada’ de Natalia e o ‘Cine Ciego ‘de Marta, propoñendo a creación do corpo imposible da non-bailarina a partir dunha imaxe mental colectiva.
A artista galega Suevia Rojo –afincada en Portugal– será unha das artistas residentes en O Vello Cárcere de Lugo co seu proxecto Incorpórea. Nesta investigación, Suevia quere afondar nos conceptos de introspección e autorecoñecemento, procurando dar forma á materia invisíbel do corpo e a súa vulnerabilidade.
Asemade, O Vello Cárcere de Lugo e o Pazo de Cultura de Narón acollerán o proceso de creación Ensayo, da creadora galega Rocío Bello e do creador estatal Javier Hernando. Neste proxecto, os artistas preparan unha conferencia performativa sobre a cancelación de futuro e a problemática sobre a vivenda a partir dunha serie de xestos invisibles e humildes que nos permitan pensar o presente e imaxinar o futuro.
O creador galego Bal Castro mergullarase no seu proceso de creación titulado Instinto desexo no Pazo da Cultura de Carballo. No proxecto, Bal aborda temas arredor do afecto, a hipersexualización e a mercantilización do corpo.
E, para rematar, RPM inaugurará o novo espazo colaborador, a Casa da Cultura de Corcubión, con Sagrado Corazón, da creadora galega Isolda Comesaña. A artista prepara unha investigación escénica –a cabalo entre a poesía e a danza– arredor do desexo, a divindade, o privilexio e a vinganza. Baixo unha perspectiva feminista, este proxecto cuestiona a construción da identidade europea no imaxinario medieval.
MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO
Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.
A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto. Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.
Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.
Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo ou Sergio Marey, entre moitas outras.
Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, Concello de Corcubión, a MIT (Concello de Ribadavia) e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.
SOBRE O COLECTIVO RPM
Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.
Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.
