
Barreiros, 02 de xuño de 2025. Os Concellos de Barreiros e Trabada acometerán a mellora da vía que conecta os núcleos de Vilamartín Pequeno e Fórnea grazas á consecución dunha subvención conxunta de 35.616,26 euros destinada á mellora de infraestruturas viarias de titularidade municipal.
O proxecto, cun orzamento total de 50.880,37 euros, contará cunha aportación de ambos concellos de 15.264,11 euros, o que permitirá executar obras de mellora no firme e garantir unha comunicación máis segura e cómoda para a veciñanza da zona.
A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, destaca a importancia da colaboración entre concellos limítrofes para albergar proxectos de interese común: “Desde o Concello de Barreiros continuamos apostamos pola cooperación entre administracións para sacar adiante proxectos que melloren a vida das persoas e, neste caso, traballando conxuntamente co Concello de Trabada, logramos sacar adiante esta actuación na vía entre Vilamartín Pequeno e Fórnea que mellorá a mobilidade e o desenvolvemento do noso rural”.
Con actuacións como esta, os concellos de Barreiros e Trabada reafirman o seu compromiso coa mellora das infraestruturas rurais e co traballo conxunto como ferramenta para optimizar recursos e dar resposta ás necesidades reais da cidadanía.