
A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, organiza outro ano máis o Autobom, unha reunión por e para a xente que goza coa autoedición e a xestión da súa obra
O encontro estenderase dous días, desde a tarde do venres 9 á noite do sábado 10 de maio, e transcorrerá en varias localizacións: o venres na imprenta de produto Borrón e na Tobeira de Oza, e o sábado na Revolteira, pechando a xornada cunha festa no popular pub El Siglo
Este ano a responsable da imaxe do Autobom é Gemma Pérez, directora de arte de muller6ollos, quen recibiu un accésit no I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego pola súa publicación «Mi nick era #humeda»
A Coruña, 2 de maio de 2025.- Autobom celebrarase neste 2025 os días 9 e 10 de maio. Terá lugar na Coruña a undécima edición deste encontro de autoedición e BD organizado pola Asociación Cultural Autobán, que se desenvolverá en distintas localizacións. A deseñadora e debuxante Gemma Pérez é a autora do cartel deste Autobom.
Destacamos entre os fitos desta nova edición de Autobom:
O venres 9, a partir das 17:30, comezaremos coa visita á imprenta Borrón, no popular barrio dos Mallos; e á tardiña, ás 20:00, teremos un faladoiro na Tobeira de Oza sobre fanzine cuir no que participarán Gemma Pérez, María Álvarez «Yupiyeyo», Greta Debelius e Paz Rodríguez.
O sábado 10, as actividades desenvolveranse na Revolteira, na rúa Falperra 13. Unha das principais propostas será o posto de fanzines, que estará activo toda a xornada de 11:00 a 20:30, con máis de 40 proxectos e un cento de publicacións.
Ás 11:15 haberá un faladoiro sobre «fanzines na imprenta» ao cargo de Tono Galán e Laura Sánchez, de Manchea; continuaremos con dúas charlas sobre o Premio Autobán 2025 e a nova edición do Fun Fun Fun (evento de autoedición de Compostela); e ás 13:00 teremos o faladoiro «Autoxestión emocional», unha conversa sobre saúde mental e creatividade con Julia Abalde, Sabela Alonso e Laprislazuli, moderada por Uxía Larrosa.
Tras a quenda da mañá, haberá un xantar popular cunha actividade para participantes no Autobom e socias do Autobán: o «Tupperrotu en manteis», unha sesión de proba de material de Posca/Uni-ball cedidos pola nosa tenda amiga Jaspe Art. Ás 16:30 trasladarémonos á cancha da Falaperra para unha nova edición do «Brilé Brutal», un torneo nada brutal de balón prisioneiro aberto á participación.
Ás 17:30, de novo na Revolteira, terán lugar os obradoiros do Autobom. Primeiro será o AutoLab, unha actividade de debuxo de BD experimental conducida por Óscar Iglesias. Ás 18:30 teremos o obradoiro teórico-práctico de «Serigrafía e autoedición», no que Aarón Moucho debullará as súas experiencias montando un taller propio de serigrafía.
Remataremos o Autobom ás 23:30, cunha festa de peche no pub El Siglo. É unha actividade aberta a quen queira achegarse.
SOBRE AUTOBÁN
Autobán é o festival coruñés de cómic autoeditado. En 2023, a iniciativa constitúese como asociación cultural. O seu obxectivo é a promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, así como tecer unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas. No seu labor inclúese a creación de eventos e actividades nos que os e as amantes da autoedición sexan protagonistas.
A asociación organiza cada mes de agosto o encontro Autobán, coincidindo co festival internacional Viñetas desde o Atlántico. Trátase dun mercado de autoedición que ofrece a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoras de toda a Península a oportunidade de amosar e vender o seu material. O festival Autobán propón, tamén, combates de debuxantes, presentacións, obradoiros, exposicións, música e gastronomía durante a súa celebración.
Por outra banda, a Asociación promove, tamén, iniciativas como o Autobom, que se presenta como a edición de primavera do Autobán, coa vontade de ser un encontro entre a xente que se dedica e goza coa autoedición gráfica e a BD alternativa, con charlas, faladoiros, obradoiros e actividades diversas en torno ao mundo dos fanzines. De forma mensual, Autobán organiza, así mesmo, un Club de Debuxo con diferentes temáticas en espazos afíns do sector.
MÁIS INFORMACIÓN