
- Inspirándose nunha canción de pastor catalá, Salom e Dark hibridan música tradicional e contemporánea para forxar un tema rotundo e bailable
A Ulloa, 20 de febreiro de 2025.- As vosas raons, o novo sinxelo de Catuxa Salom froito dunha colaboración con Joana Dark, xa está dispoñible desde hoxe, xoves 20 de febreiro, nas principais plataformas dixitais. Neste tema Catuxa Salom volve experimentar coa tradición e a música electrónica pero desta volta faino acompañada para revisitar a canción tradicional catalá Bon dia, Elionor e trasladala á pista de baile. As vosas raons chega acompañado dun videoclip, dirixido por Swallow e rodado en Lleida, no que ambas as dúas artistas deixan patente a sinerxia establecida entre elas e a potencia resultante de fusionar os folclores galego e catalán .
As vosas raons inspírase nun extracto da devandita Bon dia, Elionor e narra a historia dun señor rico e apoderado que namora dunha humilde pastora que non quere ser a súa muller. Trátase dunha canción moi popular nos pobos mediterráneos e que orixinalmente se acompañaba dun baile. Partindo deste material, Catuxa Salom e Joana Dark compoñen un tema onde as sonoridades de ambas as dúas artistas maridan á perfección e cristalizan nunha proposta rotunda e bailable. Salom e Dark unen, literal e metafóricamente, trenzas e talento para recuperar a tradición a través da música electrónica en As vosas raons, producida e mesturada por Manuel Segura de Little Island Lab e co mastering a cargo de Victor Garcia (Ultramarinos).

Sobre as artistas
Catuxa Salom irrompeu con forza na escena independente coa publicación de Nunha aldea, un EP sobre o achegamento ao mundo rural onde fusionaba ritmos indíxenas arxentinos, folclore galego e bases electrónicas. A finais do 2024 volvería sorprender con Cāldo, onde seguen a estar presentes as súas raíces arxentino-galegas e hai unha aposta decidida polo baile. O universo sonoro de Catuxa Salom, enérxico e diverso, xa percorreu ducias de salas de concertos e festivais de toda España e compartiu escenario con artistas como Rozalén, El Kanka ou Sra. Tomasa. Alén diso, no 2024 acadou o Premio Martín Códax da categoría Músicas do Mundo e Mestizaxe.
Joana Dark é un proxecto liderado por Ariadna Rulló, barcelonesa apaixonada pola historia e a tradición que decidiu se adentrar no imaxinario folclórico e levalo aos seus coetáneos transformando o formato pero mantendo a letra orixinal. En 2015 publicou o seu primeiro LP, Crystal Soul, cunha gran aceptación pola crítica e o público. Co dúo Wölva presentou Cycle (2019), unha reflexión sobre a presión, o mal e o bo amor, o empoderamento e a submisión desde un punto de vista feminista e reflexivo. O seu segundo disco, O secà, lanzouse no 2024 e nel resoan con forza a tradición e a electrónica.
Escoita As vosas raons: https://onerpm.link/asvosasraons
Videoclip: https://www.youtube.com/watch?v=dwhuj6C1w2A
