As fotos son de @fotocarlosgrafias en instagram
A gala de premiación terá lugar o vindeiro domingo, 30 de novembro.
Barreiros, 13 de novembro de 2025. O circuíto de carreiras populares +KmsBarreiros 2025, promovido polo Concello de Barreiros que sufraga os gastos do cronometraxe e seguros das probas, rematou esta fin de semana coa carreira popular “Ao Son do Masma” celebrada en Celeiro de Mariñaos e organizada polo Colectivo Cultural Ollomao.
Logo de disputarse as seis probas que integran o calendario; a carreira solidaria de Reis (xaneiro), a carreira das Praias, (abril), o 1/2 km Vertical (xullo), a carreira Benquerencia Terra-Mar (agosto), o trail Monte Comado (outubro) e a carreira Ao Son do Masma (novembro), resultaron vencedores absolutos/as Miriam Folgueira Rico e David Manuel Martínez Rodil.
Completan o pódium feminino Romina Reimondo Gasalla (2ª) e Lourdes López Villar (3ª), mentres que na categoría masculina acompañan ao campión, Óscar Murado (2º) e Manuel Pérez (3º).
A boa participación nesta cuarta edición do circuíto afianza o proxecto +KmsBarreiros como unha referencia, xa non só na Mariña lucense, se non tamén en toda a provincia e occidente de Asturias, no que se combina deporte, natureza e dinamización social.
A gala final de premiación celebrarase o domingo, 30 de novembro, na Praza do Concello de Barreiros, onde se recoñecerá o esforzo das persoas participantes de todas as categorías.
As e os atletas das categorías de menores que completasen tres das cinco probas recibirán un obsequio, mentres que as e os gañadores das categorías de adultos obterán trofeos e premios en metálico.
En total, repartiranse 1.000 euros en premios: 150€, 100€ e 75€ para os tres primeiros postos das clasificacións absolutas, e 35€ para as e os vencedores de cada categoría adulta. Ademais, entregaranse trofeos especiais ás persoas que completasen as seis probas do circuíto, como recoñecemento á súa fidelidade e regularidade.
