No acto repartíronse 1.000 euros en premios así como diversos galardóns ás persoas gañadoras das distintas categorías.
Barreiros, 1 de decembro de 2025. O Concello de Barreiros celebrou onte a gala fin do circuíto de carreiras populares +KmsBarreiros 2025 nun abarrotado centro sociocultural onde se reuniron atletas, familias, organizadores e colaboradores amantes do deporte. O acto contou coa presenza da alcaldesa, Ana Ermida, e do concelleiro de deportes e deputado provincial, Dani García.
A gala permitiu repasar, a través de imaxes e vídeos, os mellores momentos das seis probas que compoñen o circuíto: a Carreira Solidaria de Reis (xaneiro), a Carreira das Praias (abril), o 1/2 Km Vertical (xullo), a Benquerencia Terra-Mar (agosto), o Trail Monte Comado (outubro) e a carreira Ao Son do Masma (novembro).
Durante a cerimonia de premiación entregáronse os trofeos e agasallos das distintas categorías, incluíndo os premios en metálico ás clasificacións xerais absolutas e ás persoas gañadoras de cada categoría adulta. En total repartíronse 1.000 euros en premios.
Clasificación xeral absoluta feminina
- Miriam Folgueira Rico
- Romina Reimondo Gasalla
- Lourdes López Villar
Clasificación xeral absoluta masculina
- David Manuel Martínez Rodil
- Óscar Murado
- Manuel Pérez Pérez
Tamén recibiron un recoñecemento especial as e os atletas que participaron en todas as probas do circuíto: cinco carreiras para as categorías inferiores e seis para as persoas adultas.
