
Barreiros, 16 de marzo de 2026. A aula CeMIT de Barreiros acollerá o exame presencial para a obtención da certificación galega en competencias dixitais ComDix, no seu nivel intermedio.
Este luns, 16 de marzo, ábrese o prazo para inscribirse nas probas que terán lugar a finais do mes de abril en 49 localidades de Galicia.
No caso de Barreiros, o exame terá lugar o mércores, 29 de abril, ás 10:00 horas, na aula CeMIT situada no Teleclub de San Cosme. Para poder presentarse á proba, é imprescindible formalizar a inscrición na web cemit.xunta.gal rematando o prazo o mércores 25 de marzo.
A certificación ComDix é a certificación galega en competencias dixitais promovida pola Administración galega e baseada no Marco Europeo de Competencias Dixitais (DigComp) que acredita as habilidades dunha persoa no uso das tecnoloxías dixitais, tanto a nivel persoal como profesional.
Toda a información relativa á convocatoria, requisitos e proceso de inscrición poderase consultar na web da Rede CeMIT.
Desde o Concello de Barreiros destacan a importancia de que o municipio volva ser sede dunha proba oficial deste tipo achegando así oportunidades de formación á veciñanza sen necesidade de desprazamentos a outros concellos.






