As Residencias Paraíso do Colectivo RPM cumpren 10 edicións e abren a súa convocatoria para 2026
Este programa pioneiro de residencias artísticas para a danza e as artes vivas diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas
As/os interesadas/os poderán presentar a súa proposta até o 8 de marzo e un comité de expertas/os valorará a integridade artística do proxecto e o seu grao de madurez e solidez, ademais da relación entre a proposta e o territorio, para anunciar no mes de abril os proxectos seleccionados
Residencias Paraíso 2026 conta cun importe total de 25.000€ e acollerá ata 10 propostas en residencia, 2 máis que na súa pasada edición, cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ cada unha, para favorecer as distintas fases dun proxecto artístico, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, a técnica
As residencias artísticas desenvolveranse entre maio e outubrode 2026 no Vello Cárcere de Lugo, o Pazo da Cultura de Carballo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego en Compostela, a Igrexa da Madalena de Ribadavia, no marco da MIT, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Convento de Santa Clara en Pontevedra,a Fábrica de Oleiros, o Pazo da Cultura de Narón, Artistea en Ponteareas e o Espazo RPM na Coruña
Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán no Encontro Residencias Paraíso, unha cita anual promovida polo Colectivo RPM que neste 2026 terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela
O proxecto, impulsado por RPM, como entidade independente adicada ao impulso da danza e as artes vivas de creación contemporánea en Galicia, conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Oleiros, Concello de Ponteareas, Concello de Ribadavia, Deputación de Pontevedra e Fundación Cidade da Cultura de Galicia
Galicia, 16 de febreiro de 2026.- Por décimo ano consecutivo, o Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e as artes vivas de creación contemporánea en Galicia– abre unha nova convocatoria anual das Residencias Paraíso, un programa de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio.
O proxecto, impulsado por RPM, conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Oleiros, Concello de Ponteareas, Concello de Ribadavia, Deputación de Pontevedra e Fundación Cidade da Cultura de Galicia.
O programa Residencias Paraíso 2026 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas, preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Valorarase a integridade artística da proposta e o grao de madurez e solidez do proxecto, ademais da relación entre o proxecto e o territorio.
Residencias Paraíso contará cunha comisión de valoración composta por tres profesionais convidadas e dúas persoas do Colectivo RPM, para anunciar no mes de abril os proxectos seleccionados. As/os interesadas/os poderán presentar a súa proposta desde hoxe, 16 de febreiro, até o 8 de marzo. A comisión terá en conta a integridade artística da proposta, o seu grao de madurez e solidez, a relación co territorio e as prácticas de programación expandida que poidan acompañar a estancia durante a residencia.
Residencias Paraíso 2026 conta cun importe total de 25.000€ e acollerá ata 10 propostas en residencia, 2 máis que na súa pasada edición,cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha, para favorecer as distintas fases dun proxecto artístico, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.
As residencias artísticas desenvolveranse entre maio e outubro de 2026 no Vello Cárcere de Lugo, o Pazo da Cultura de Carballo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego en Compostela, a Igrexa da Madalena de Ribadavia, no marco da MIT, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Convento de Santa Clara en Pontevedra, a Fábrica de Oleiros, o Pazo da Cultura de Narón, Artistea en Ponteareas e o Espazo RPM na Coruña.
Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán no Encontro Residencias Paraíso, unha cita anual promovida polo Colectivo RPM, que neste 2026 terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.
Residencias Paraíso, do Colectivo RPM, é un programa nacido para acompañar procesos de investigación e creación arredor das artes vivas contemporáneas. A súa vontade é situar o concepto de residencia artística como unha ferramenta clave no desenvolvemento das políticas culturais en Galicia, poñendo no centro a práctica artística e protexendo as condicións necesarias para o desenvolvemento de proxectos de investigación e creación.
Un dos principais valores do programa Residencias Paraíso reside na súa rede de alianzas, estendida de norte a sur do territorio galego e conformada por espazos de natureza diversa, desde teatros e centros culturais até espazos non convencionais. Esta pluralidade facilita a acollida das distintas fases dun proxecto artístico, desde a investigación e a escritura até o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou as residencias de carácter técnico.
SESIÓN INFORMATIVA PARA ASPIRANTES
O martes 3 de marzo, ás 12.00h, Colectivo RPM realizará unha sesión informativa en liña en aberto, para resolver dúbidas ou cuestións específicas sobre a convocatoria. As e os interesados poden sumarse a través desta ligazón: https://meet.google.com/hfy-zboq-dxr
ACCESO AO FORMULARIO DE INSCRICIÓNEN LIÑA DAS RESIDENCIAS PARAÍSO 2026
MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO
Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.
A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto.
Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.
Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.
Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo, Sergio Marey, Bal Castro ou Isabel do Diego, entre moitas outras.
Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Oleiros, o Concello de Ponteareas, o Concello de Ribadavia, a Deputación de Pontevedra e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta coa colaboración do Centro Dramático Galego, o Centro Coreográfico Galego, o Vello Cárcere de Lugo, o FIOT de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón, a MIT de Ribadavia, Artistea, o Padroado da Cultura do Concello de Narón e a Bienal de Pontevedra.
SOBRE O COLECTIVO RPM
Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.
Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso –construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia– que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.
