
O Concello de Barreiros convoca unha concentración para demandar a cobertura das ausencias do persoal do centro de saúde.
A veciñanza leva máis dunha semana sen atención médica básica pola falta de substitución do persoal facultativo.
Barreiros, 9 de outubro de 2025. O Concello de Barreiros vén de convocar unha concentración diante do Centro de Saúde para o luns, 13 de outubro, ás 12:00 horas, coa finalidade de demandar a cobertura urxente das ausencias do persoal médico e denunciar a situación crítica que sofre o servizo sanitario no municipio.
Dende fai unha semana, o Centro de Saúde de Barreiros atópase sen cubrir ningunha das tres prazas de médicos e médicas, deixando á poboación sen acceso á atención médica básica e provocando unha espera por consultas de ata tres semanas.
Esta situación chega logo dun verán cunha saturación evidente dos servizos, só salvados pola profesionalidade e implicación do persoal que, como e evidente, agora acusa as consecuencias desa situación.
O Centro de Saúde de Barreiros leva anos soportando a aplicación de recortes en servizos á poboación (persoal para persoas desprazadas no verán, pediatría, matrona, etc.) e de desprestixio dunha sanidade primaria pública que é porta de entrada e primeiro contacto co servizo sanitario.
A alcaldesa, Ana Ermida, sinala que “a falta de resposta do Sergas e da Consellería ante esta situación só pode indicar a pasividade na vontade para darlle solución mentres se deteriora un servizo público esencial para a veciñanza”.
Desde o Concello de Barreiros considérase imprescindible visibilizar o malestar e a preocupación da poboación, polo que se fai un chamamento á veciñanza para concentrarse diante do Centro de Saúde o vindeiro luns, 13 de outubro, ás 12 horas para demandar a cobertura das ausencias do centro de saúde e defender un dereito básico como é o acceso á sanidade pública.
Porque coa saúde non se pode xogar! Acude!