Rebeliom do Inframundo presenta Sube, o primeiro sinxelo do seu novo álbum, que publicará a principios de 2026.
Nacidos nas rúas e nos locais de ensaio de Galiza, Rebeliom do Inframundo leva máis dunha década facendo da música unha trincheira e unha celebración
O seu son bebe do rap hardcore e da electrónica, pero tamén das raíces galegas e da forza dun pobo que nunca baixa a cabeza.
Sube (Galunk Producións), o primeiro adianto do próximo disco da banda, é unha crítica social, a expresión dun sector totalmente descontento e afogado por este capitalismo feroz cada vez máis presente, que pode escoitarse xa desde este venres, 12 de decembro, ás 00.00h, nas plataformas dixitais: https://orcd.co/suberebeliom
Galicia, 12 de decembro de 2025.- Rebeliom do Inframundo afronta 2026 cunha forza incontestable… e presentado xa o primeiro adianto –Sube (Galunk Producións)– do seu novo traballo. O grupo vive o seu mellor momento, co respaldo dun público que enche salas e corea cada verso coma se formase parte da banda. Non precisan grandes campañas nin filtros; a súa verdade corre de boca en boca, como corren as boas cousas cando son reais.
No último ano esgotaron entradas en espazos emblemáticos como a Sala Capitol de Compostela —800 persoas entregadas— e confirmaron o que xa se intuía: Rebeliom é unha das bandas máis sólidas e respectadas da escena galega actual. O seu directo é un estoupido de enerxía, mestura de rap, electrónica e tradición galega, que converte cada concerto nunha experiencia colectiva.
É un grupo de xente para a xente, cun discurso propio e unha ética de traballo que fala de verdade, comunidade e resistencia. Non seguen a moda, créana. Agora, a banda galega lanza un novo sinxelo, Sube (Galunk Producións), o primeiro adianto do seu próximo álbum, que verá a luz nos primeiros meses de 2026.
O single Sube (Galunk Producións) está xa dispoñible en todas as plataformas dixitais desde este venres, 12 de decembro, á 00.00 horas, en:
DESCUBRE SUBE, O NOVO SINGLE DE REBELIOM DO INFRAMUNDO
Sube é é un berro colectivo: a canalización en rima dun malestar social crecente. A peza articula unha crítica directa ás desigualdades e convértese nun exercicio de expresión lírica dun sector profundamente descontento e afogado por un capitalismo cada vez máis feroz. Un contexto que, lonxe de aliviar tensións, alimenta o avance dunha ultradereita conservadora cada vez máis presente no panorama actual.
O novo sinxelo de Rebeliom do Inframundo, Sube, ven acompañado dun novo videoclip. A estrea do videoclip de Sube tivo lugar este xoves, 11 de decembro, ás 14.30 horas, na canle de YouTube da banda e pode verse aquí: https://youtu.be/7nvsrtoA2ps.
REBELIOM DO INFRAMUNDO, MÁIS DUNHA DÉCADA DE MÚSICA DESDE A TRINCHEIRA
Nacidos nas rúas e nos locais de ensaio de Galiza, Rebeliom do Inframundo leva máis dunha década facendo da música unha trincheira e unha celebración. Nervo, Malvares, Frank Huxley, Busto e DJ Pol forman unha alianza que vai máis alá do rap: é unha actitude, unha maneira de entender o mundo.
O seu son bebe do rap hardcore e da electrónica, pero tamén das raíces galegas e da forza dun pobo que nunca baixa a cabeza. Cada tema é un retrato entre o amor e a rabia, entre o orgullo e a ferida.
Dende Caladas Reflexivas ata Amor ou Barbárie, pasando por Lume e Rebeliom e Ilegal, a banda medrou sen traizoar o seu camiño. Hoxe, Rebeliom do Inframundo non é só unha referencia musical: é un símbolo dunha xeración que loita, crea e berra sen pedir permiso.
