“Un mar de diversidade II” chegou ao Concello de Barreiros no Día Internacional das Persoas con Discapacidade
Barreiros, 4 de decembro de 2025. O Concello de Barreiros acolleu o pasado día 3 de decembro o stand “Un mar de diversidade II”, unha proposta aberta á comunidade que convidou á veciñanza a reflexionar sobre a diversidade e sobre a necesidade de avanzar cara a contornas máis accesibles.
O stand formou parte do proxecto educativo Un mar de diversidade, impulsado pola Asociación Guillem Veiga Iglesias, que nos últimos dous anos percorreu centros educativos da Mariña Lucense co obxectivo de fomentar o respecto, a empatía e o valor da diversidade desde idades temperás. Esta iniciativa puido desenvolverse grazas ao apoio do programa FEMPA da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, a través do GALP A Mariña-Ortegal.
Nesta nova etapa, o proxecto deu un paso máis e abriu as súas portas á comunidade, saíndo á rúa e convidando a toda a veciñanza a mergullarse neste mar cheo de experiencias que favoreceron a empatía, a reflexión e a defensa dos dereitos das persoas con discapacidade.
O stand “Un mar de diversidade II” ofreceu unha serie de pequenas experiencias interactivas, nas que as persoas visitantes puideron achegarse ao concepto de diversidade e experimentar, en primeira persoa, algunhas das dificultades ás que se enfrontan as persoas con discapacidade no seu día a día. A través destas dinámicas, púxose en valor as capacidades de todas as persoas, reflexionouse sobre as barreiras que seguen existindo nas contornas e sensibilizouse sobre a necesidade de espazos máis inclusivos que garantan a participación de todas as persoas.
Esta proposta representou unha pequena mostra do Obradoiro que a Asociación Guillem Veiga Iglesias desenvolve nos colexios da Mariña, onde nenas e nenos se mergullan nun mar simbólico que lles permite descubrir que a riqueza está nas diferenzas.
Dende o Concello de Barreiros convidaron a somerxerse neste mar que ofreceu unha travesía pola empatía, o respecto e a inclusión.
Data: 3 de decembro Lugar: Concello de Barreiros Horario: 10:30 – 13:30
