
O campo municipal de As Valgas acolleu hoxe a clausura oficial do campus do Celta de Vigo, que se desenvolveu durante toda esta semana en horario de mañá. Un ano máis, a iniciativa supuxo un rotundo éxito de participación, acadando a ocupación total das 60 prazas ofertadas.
A organización deste evento correu a cargo da Fundación Celta de Vigo, contando coa colaboración directa do Concello de Barreiros, así como coa implicación das directivas dos clubs de fútbol locais, Celta Barreiros e Iberia.
Na xornada de hoxe, coincidindo co peche do campus, as familias puideron achegarse ata as instalacións para presenciar en directo as sesións de adestramento e comprobar de primeira man a evolución e a progresión técnica da rapazada ao longo da semana. Desde a entidade celeste sinalouse que, “alén do perfeccionamento futbolístico, estes espazos están deseñados para potenciar valores transversais esenciais como o compañeirismo, a convivencia e o respecto”.
A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, asistiu ao acto de clausura e participou na entrega de diplomas e agasallos aos nenos e nenas. Tras o evento, a rexedora trasladou un balance moi positivo da actividade: “As impresións non poden ser mellores; vese que é unha proposta que gusta, a rapazada marcha moi contenta e as familias trasládannos que viven esta semana con moita intensidade e ilusión”.
Neste mesmo sentido, Ermida quixo destacar a importancia de consolidar esta alianza: “Para Barreiros é un auténtico orgullo que entidades de primeiro nivel coma, neste caso, o Celta de Vigo, nos garden este cariño, nos trasladen o cómodo que traballan aquí e manteñan o noso concello ano tras ano como un punto fixo nos seus calendarios de campus. Quero facer un agradecemento especial ás directivas dos clubs locais polas facilidades dadas e a cesión das súas instalacións, xa que sen esta implicación o campus non podería saír adiante así de exitoso”.






