
Imagen de Dimitris Vetsikas en Pixabay
Barreiros, 06 de outubro de 2026. O pleno municipal de Barreiros acordou instar á Xunta de Galicia a que rectifique na súa decisión de excluír os campamentos municipais do programa “Bono Concilia Familias” 2026, garantindo o acceso a todas as familias, con independencia do servizo que solicitaran, público ou privado.
A proposta defendida no pleno pola alcaldesa, Ana Ermida, responde á decisión da Xunta de deixar fóra das solicitudes de axudas as actividades organizadas polos Concellos, como é o caso dos campamentos de verán que se organizan desde o Concello de Barreiros.
O acordo foi tomado cos votos favorables do goberno e a abstención do Partido Popular que argumentou estar pendente de saber a razón pola que os campamentos de Barreiros non foran subvencionados pola Xunta nesta anualidade para poder posicionarse sobre o acordo.
Ana Ermida explicou que “A Xunta de Galicia publicou no mes de setembro as bases para concorrer ás axudas do “Bono Concilia Familia”, coas que se pretende que as familias que precisan actividades de conciliación poidan obter axudas para as mesmas.
Como novidade neste ano non se permite xustificar gastos de actividades organizadas polos Concellos, baixo o pretexto de que ditas actividades xa reciben financiamento da Xunta mediante o programa “Corresponsables” dirixidos aos Concellos. Deste xeito, as familias coñeceron a posteriori de ter escollido e desfrutado das súas actividades que, por exemplo, os campamentos de verán organizados polo Concello de Barreiros, que ofertan un total de 420 prazas non poderían ser susceptibles de axuda ás familias.
Esta medida, ademais de ser profundamente inxusta; especialmente no caso de Barreiros no que o Concello quedou tamén excluído das axudas da Xunta, tendo que buscar o financiamento noutras Administracións e soportando un esforzo importantísimo a nivel municipal; é tamén unha medida claramente ideolóxica: “prémiase” a quen escolla actividades ou campamentos privados, especializados ou singulares, xustificándoo cunha aura de liberdade de escolla que non é máis que a potenciación das actividades privadas e o fomento das mesmas cun sesgo claramente elitista.
Esta cuestión non é menor, tendo en conta ademais de que os custos que teñen que asumir as familias nese tipo de campamentos son moito maiores que nos campamentos municipais, especialmente en Barreiros, onde se realiza un esforzo por non deixar a ninguén atrás. Pero ademais, hai que ter en conta que as axudas do Bono Concilia se outorgan sen criterio económico algún, sendo a orde de chegada o criterio para a obtención ou non; premiando a rapidez ou a dispoñibilidade para solicitalas. Polo tanto, as familias con menos capacidade económica resultan dobremente prexudicadas: a súa liberdade de escolla atópase limitada pola capacidade económica, sabendo que se optan por un recurso público (como os campamentos do Concello de Barreiros) por ser máis económicos, non poderán optar á axuda da Xunta de Galicia.”
O acordo adoptado insistía tamén na necesidade de que as Administracións Públicas garantan a igualdade de recursos e actúen como elemento de equidade, polo que se demanda un maior financiamento para os programas organizados polos Concellos.
Ermida concluíu asegurando que “o lóxico para unha Administración Pública que queira fomentar a utilización de actividades de conciliación polas familias tamén como instrumento educativo, sería dotar de fondos suficientes ás entidades públicas que as organizan baixo criterios educativos e sociais que garantan a calidade dos servizos e a posibilidade real de acoller a demanda existente nas familias galegas; axudando realmente ás entidades locais que albergan estas actividades e non contrapoñéndoas coas organizadas desde o eido privado.”






