
O salón de plenos do Concello de Barreiros acolleu a despedida de Hamdi, o neno saharauí que pasou os meses de verán no municipio dentro do programa «Vacacións en Paz» da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS).
A alcaldesa Ana Ermida, xunto coas concelleiras Carmen Veiga e Montse Porteiro, entregáronlle varios agasallos como lembranza da súa estadía en Barreiros. Á cita tamén se sumou a familia de acollida, quen durante dous meses abriu as portas da súa casa para ofrecerlle a Hamdi un verán de lecer, afecto e normalidade, ben lonxe das condicións extremas dos campamentos de Tinduf, en Alxeria.
Desde o Concello de Barreiros queremos felicitar á veciñanza por facer un municipio acolledor e solidario, á vez que agradecemos ás familias que, xenerosamente, fan posible cada verán que nenas e nenos saharauís vivan uns meses lonxe das duras condicións dos campamentos de refuxiados.







