
A Biblioteca Pública Municipal de Barreiros é recoñecida novamente polo Ministerio de Cultura no concurso de proxectos de animación á lectura destacando pola calidade dos seus proxectos culturais a nivel estatal.
O galardón, dotado con 2.777,77 euros, premia este ano o proxecto «Entre libros y escenarios», centrado na descentralización da cultura e a achega da lectura a todas as parroquias do municipio.
Barreiros, 23 de setembro de 2026. A Biblioteca Pública Municipal de Barreiros volve estar de parabéns tras acadar, por segundo ano consecutivo, un dos premios do Concurso de Proxectos de Animación á Lectura María Moliner, organizado polo Ministerio de Cultura para concellos de menos de 50.000 habitantes.
A entidade barreirense volve figurar entre os proxectos galardoados a nivel estatal, obtendo un importe de 2.777,77 euros que se destinarán a seguir impulsando a dinamización lectora e cultural na localidade.
O proxecto premiado nesta edición, baixo o título “Entre libros y escenarios”, ten como finalidade achegar a lectura, a actividade cultural e os servizos bibliotecarios ás diferentes parroquias e núcleos do municipio. Nun concello caracterizado pola súa dispersión territorial e pola existencia de núcleos de poboación afastados do centro, esta iniciativa permite descentralizar a actividade cultural e facilitar o acceso á cultura ao conxunto da veciñanza.
O proxecto articúlase a través da extensión bibliotecaria e dunha ampla programación cultural desenvolvida ao longo do ano en diferentes espazos. Entre as actividades inclúense propostas de animación á lectura, contacontos, clubs de lectura, certames literarios, obradoiros creativos, exposicións, actividades xuvenís e programación escénica para públicos de todas as idades, logrando que a biblioteca saia das súas instalacións e cree novos espazos de encontro arredor dos libros e da participación cidadá.
Desde a concellería de dinamización e participación veciñal do Concello de Barreiros valórase moi positivamente este recoñecemento, que supón revalidar o éxito do ano pasado e confirma a solidez dun traballo continuado e planificado. Segundo o concelleiro da área, Dani García: “Conseguir este galardón por segundo ano consecutivo é a demostración de que o traballo na nosa biblioteca está a ser constante, rigoroso e planificado. Este premio recoñece o bo funcionamento e a excelente coordinación co persoal da biblioteca, ao que aproveito para dar a noraboa e agradecer o seu esforzo diario. Desde o Concello consideramos a lectura como unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento cultural, educativo e social, apostando firmemente por unha biblioteca próxima, accesible e aberta a toda a comunidade”.






