
A primeira convocatoria artística de PALCO superou as expectativas e recibiu un total de 162 propostas, entre as cales foron seleccionados 15 proxectos, que presentarán os seus directos en catro salas de concertos de Santiago de Compostela este mes de novembro
Deste xeito, Abril, Amoebo, Antía Muíño, Apolo 18, Catuxa Salom, Galician Army, High Paw, Lisdexia, Lumedoloop, Maricarme, Néboa, Raze, Tona, Vimbio e Xan Campos terán a oportunidade de amosar en PALCO —nun formato pensado para facilitar o encontro entre artistas e profesionais da industria musical—a diversidade, a calidade e o momento creativo da música galega actual; será nas salas Capitol, Riquela, Sónar e o Salón Teatro
Paralelamente, grazas a o acordo entre MIL Lisboa e a Xunta de Galicia, 1 destes 162 showcases presentados á programación musical de PALCO participará este outubro na feira portuguesa, que proximamente dará a coñecer o seu directo galego seleccionado
Pola súa banda, a convocatoria de presentacións breves ou pitchings de PALCO permanece aberta ata o 10 de setembro a través de www.palco.gal, para participar en presentacións breves de propostas vinculadas á industria musical, favorecendo a creación de contactos, colaboracións e novas oportunidades para todos os participantes
PALCO é o novo escaparate sectorial da música impulsada desde Galicia, que terá lugar do 3 ao 5 de novembro de 2026 en Santiago de Compostela, na Cidade da Cultura e noutras salas e espazos de interese para o sector musical repartidos pola cidade
Este primeiro encontro da industria musical que se celebrará en Galicia, organizado por AGEM e a Xunta de Galicia, nace como un espazo creado para dar visibilidade ao talento, conectar profesionais e impulsar novas oportunidades para a música feita na nosa comunidade
Toda a información sobre PALCO e a segunda edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, rebautizados como Premios PALCO, pode consultarse en www.palco.gal
Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2026.- PALCO, o primeiro punto de encontro da industria musical que se celebrará en Galicia, organizado pola Asociación Galega das Empresas Musicais (AGEM) e a Xunta de Galicia, anuncia a selección de showcases para a súa primeira edición, que terá lugar en Santiago de Compostela do 3 ao 5 de novembro.
A primeira convocatoria artística de PALCO superou as expectativas e recibiu un total de 162 propostas, entre as cales foron seleccionados 15 proxectos, que este outono presentarán os seus directos en catro salas de concertos de Compostela.
Deste xeito, Abril, Amoebo, Antía Muíño, Apolo 18, Catuxa Salom, Galician Army, High Paw, Lisdexia, Lumedoloop, Maricarme, Néboa, Raze, Tona, Vimbio e Xan Campos terán a oportunidade de amosar en PALCO —nun formato pensado para facilitar o encontro entre artistas e profesionais da industria musical— a diversidade, a calidade e o momento creativo da música galega actual; será nas salas Capitol, Riquela, Sónar e o Salón Teatro.
Paralelamente, grazas a o acordo entre MIL Lisboa e a Xunta de Galicia, 1 destes 162 showcases presentados á programación musical de PALCO participará este outubro na prestixiosa feira portuguesa, que proximamente dará a coñecer o seu directo galego seleccionado. No marco deste acordo entre MIL e a Xunta, un proxecto de Portugal formará parte, tamén, da programación artística de PALCO e actuará en Compostela.
Pola súa banda, a convocatoria de presentacións breves ou pitchings de PALCO permanece aberta ata o 10 de setembro a través de www.palco.gal, para participar en presentacións breves de propostas vinculadas á industria musical, favorecendo a creación de contactos, colaboracións e novas oportunidades para todos os participantes.
PALCO é o novo escaparate sectorial da música impulsada desde Galicia, que terá lugar do 3 ao 5 de novembro de 2026 en Santiago de Compostela, na Cidade da Cultura e noutras salas e espazos de interese para o sector musical repartidos pola cidade.
Este primeiro encontro da industria musical que se celebrará en Galicia, organizado por AGEM e a Xunta de Galicia, nace como un espazo creado para dar visibilidade ao talento, conectar profesionais e impulsar novas oportunidades para a música feita na nosa comunidade.
Toda a información sobre PALCO e a segunda edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, rebautizados como Premios PALCO, pode consultarse en www.palco.gal.

QUE É PALCO?
Este outono, Galicia conectará á industria musical co nacemento de PALCO, o primeiro –e pioneiro– encontro sectorial da música na comunidade, impulsada pola Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e a Xunta de Galicia.
PALCO celebrarase en Santiago de Compostela ao longo de tres días, do 3 ao 5 de novembro de 2026, na Cidade da Cultura e noutras salas e espazos de interese repartidos pola cidade. Este punto de encontro da industria musical celebrado en Galicia nace coa idea de aportar visibilidade ao talento, aos proxectos e ao ecosistema musical galego. E, tamén, coa fin de favorecer conexións e oportunidades para a música feita en Galicia, fomentando as relacións entre artistas, empresas, programacións e institucións, así como xerando contextos útiles para a colaboración e o desenvolvemento.
PALCO quere impulsar, do mesmo xeito, a presenza da música galega, abrindo novas redes e espazos de traballo conxunto, ademais de reforzar Galicia como territorio de creación e de industria. Como apuntan desde a organización: «PALCO nace nun contexto propicio e oportuno, xa que a música galega leva anos demostrando a súa capacidade para emocionar, innovar e chegar cada vez máis lonxe. A música en Galicia vive un dos momentos máis fértiles da súa historia grazas ao talento dos seus artistas e ao traballo dunha comunidade profesional que impulsa, acompaña e fai posible que a música suceda».
Destacan, tamén, que «Galicia conta cun ecosistema musical vivo, creativo e profesional. Un territorio cunha identidade propia, cunha rede de salas esencial para a súa actividade cultural, con festivais de referencia e con proxectos capaces de dialogar co local e co global. A Xunta de Galicia xunto a AGEM e os axentes do sector impulsan PALCO para reunir esta fértil realidade». Deste xeito, PALCO nace como un espazo para compartir coñecemento, activar relacións profesionais, presentar proxectos e impulsar novas vías de colaboración.
Durante tres días, do 3 ao 5 de novembro 2026, Santiago de Compostela converterase no escenario onde a industria musical –principalmente a galega– conversará e se proxectará, cos obxectivos de descubrir, aprender, compartir experiencias e construír futuro. Toda a información da iniciativa pode consultarse n páxina web oficial www.palco.gal.
SEGUNDA EDICIÓN DOS PREMIOS DA INDUSTRIA MUSICAL DE GALICIA
No marco de PALCO celebrarase, tamén, a segunda edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, rebautizados como Premios PALCO, que un ano máis buscarán poñer en valor aquelas traxectorias, proxectos e iniciativas que destaquen polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade no sector musical galego.
Esta segunda edición dos Premios PALCO terán lugar na Sala Capitol de Santiago de Compostela a noite do martes 3 de novembro. Será un encontro sectorial no que se darán a coñecer os gañadores e se entregarán os galardóns, nun formato próximo, pensado para favorecer a cooperación e a convivencia entre os diferentes axentes da industria musical galega.
Neste 2026, os Premios PALCO regresan dar resposta ao gran momento que está a vivir a música galega, cunha madurez e unha diversidade extraordinarias. Queremos celebralo e agradecer o talento e o compromiso de quen fai posible o crecemento da nosa industria e para recoñecer o valor das persoas e proxectos que converten o sector nun verdadeiro motor cultural e humano para Galicia. Un ano máis, os Premios PALCO pretenden ser unha ferramenta para dar visibilidade ao talento galego e fortalecer a industria musical como motor cultural, social e económico.
Con esta iniciativa, AGEM reafirma o seu compromiso de traballar colectivamente por un sector máis profesional, recoñecido e sostible. Os premios enmárcanse dentro do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, asinado por AGEM co impulso da Xunta de Galicia.

EQUIPO ORGANIZADOR DE PALCO
PALCO é un proxecto codeseñado no marco do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, impulsado por AGEM –entidade que defende os intereses profesionais das entidades galegas ligadas á xestión cultural e aos espectáculos vinculados á música ao vivo– e a Xunta de Galicia. Nace da vontade compartida de reforzar a conexión, a vertebración e a proxección do sector. A súa creación responde a unha das principais conclusións extraídas durante o proceso de elaboración do plan: a necesidade de contar con espazos compartidos, útiles e sostibles, pensados desde dentro da propia industria e ao servizo das súas necesidades reais.
SOBRE A ASOCIACIÓN GALEGA DE EMPRESAS MUSICAIS (AGEM)
A Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) nace en 2007 para defender os intereses profesionais das empresas galegas vinculadas á música ao vivo: produtoras, promotoras, managers, axentes de contratación, compañías de representación artística, editoras fonográficas e empresas técnicas, entre outras actividades relacionadas coa xestión cultural e os espectáculos.
AGEM está integrada por empresas que conforman a cadea de valor da actividade cultural e musical. Empresas que realizan actividades de deseño, xestión e produción de eventos de carácter cultural, musical, educativo, social e de entretemento, destinados a ser realizados en locais pechados ou a ceo aberto e, en xeral, todas as actividades técnicas e preparatorias para a execución destes eventos ou servizos, incluída a actividade comercial, de representación de artistas, festivais, distribución e xestión.
Estas entidades traballan en distintos mercados de artistas internacionais, que conforman as programacións de numerosos festivais e espectáculos producidos en Galicia e noutros territorios. Igualmente, hai empresas que representan a diversos artistas, na súa maioría galegos, que traballan en mercados de todo o mundo. As socias de AGEM son promotoras de festivais maioritariamente producidos en Galicia, pero tamén noutros territorios. Empresas de produción técnica e persoal técnico especializado que traballan en numerosos espectáculos producidos dentro e fóra de Galicia. Distintas gravacións producidas ou editadas por integrantes de AGEM teñen repercusión en mercados internacionais e son sincronizadas tanto a nivel fonográfico como editorial en producións audiovisuais; longametraxes, curtas, documentais e publicidade.
O impulso industrial propiciado por AGEM vai máis alá do facturado polas empresas asociadas. O impacto económico dos espectáculos nos que participa AGEM, tanto de artistas en solitario coma de festivais, é de mais de 100 millóns de euros. As empresas que conforman AGEM son a raíz do sector cultural e resultan fundamentais na industria global da cultura, na música e no seu tecido económico.






